Gl:Proxectos de cartografado

Os proxectos de cartografado son esforzos colaborativos de persoas con intereses comúns por cartografar un certo territorio ou por mellorar o cartografado dun tema en particular. Existen proxectos de cartografado para a meirande parte dos países do mundo e para moitas áreas de interese especial. Tamén hai proxectos que desenvolven e melloran o software e os servizos que fan posíbel o OpenStreetMap.
Listaxe de proxectos en territorios
Consulta a listaxe de proxectos en territorios para obter información sobre proxectos de cartografado virtual en cada país do mundo. Segue as ligazóns para atopar proxectos locais a nivel de rexión ou de cidade.
Temas de especial interese
- Consulta tamén: Category:Gl:Proxectos
 
Hai comunidades dentro do OpenStreetMap interesadas en cartografar moitos elementos diferentes. Consulta a categoría de elementos para unha introdución ao cartografado de moitos tipos diferentes de elementos. As áreas de interese inclúen:
- Accesibilidade: a accesibilidade (cartografado a prol da accesibilidade inclusiva empregando o OpenStreetMap) é importante para diversos grupos de persoas, incluíndo cegos (ollar OSM para cegos), así como o enrutamento para persoas en cadeira de rodas (ollar o enrutamento para cadeiras de rodas).
 - Auga potábel: para satisfacer unha necesidade básica e como alternativa ás botellas de plástico desbotábeis, o OSM ten o catálogo máis grande do mundo de fontes de auga potábel.Fronteiras e límites administrativos: o wikiproxecto de Límites políticos das Nacións Unidas e o wikiproxecto de Importación WDB son proxectos que se centran na importación de información sobre límites políticos entre países e territorios dende fontes oficiais das Nacións Unidas e dende a base de datos Muncial CIA.
 - Axuda humanitaria: o Equipo Humanitario do OpenStreetMap coordina a creación, produción e distribución de recursos cartográficos libres para apoiar os esforzos de axuda humanitaria en moitos lugares de todo o mundo. Atoparás moitos proxectos incluíndo o wikiproxecto de Haití e o proxecto adicado ao tremor e tsunami de Sendai no 2011.
 - Colaboracións: Wikipedia (a interoperación coa Wikipedia inclúe máis de 1,7MiB de datos que ligan a artigos da Wikipedia amosados no mapa).
 - GLAM (Galerías, Bibliotecas, Arquivos, Museos + Patrimonio): O proxecto OSM GLAM recolle a información precisa para participar, coordinar e facer un seguimento do progreso de cartografado de Galerías, Bibliotecas, Arquivos, Museos e Patrimonio, iniciado na Arxentina, mais con alcance rexional.
 - Histórico: para os elementos cartográficos que xa non existen no OSM nin no mundo, o proxecto Mapa Histórico Aberto recompila e representa a través dunha API independente, co obxectivo de ter un mapa histórico de todo o que adoitaba existir.
 - Infraestrutura: a información sobre a rede de estradas forma parte do corazón do OSM. Consulta Estradas e Ferrovías para unha introdución sobre a etiquetaxe, así como o wikiproxecto de Sistemas de metro, un proxecto para cartografar os sistemas de metro de todo o mundo. Tamén hai un wikiproxecto de Redes enerxéticas, enfocado ao cartografado dos sistemas de xeración e distribución de gas e electricidade.
 - Lugares de culto: wikiproxecto de Santos dos Últimos Días (cartografado de lugares de culto)
 - Natureza, conservación e medioambiente: as persoas que participan no proxecto OSM Ambiental fan activamente o engadido de información relevante para a conservación dos recursos naturais e os hábitats, así como no engadido de información importante sobre elementos do patrimonio cultural (ollar Conservación). Outros proxectos son cursos de auga e o wikiproxecto de Cobertura do chan Corine, que trata de importar información sobre cobertura e uso do chan para Europa.
 - Poboacións espaciais: estas inclúen grupos étnicos ou áreas xeográficas con trazos únicos, como as reservas dos nativos americanos nos Estados Unidos. Aínda que as reservas dos nativos americanos, que tenden a ser rurais, inclúense nos datos de TIGER nos Estados Unidos, normalmente os datos son incompletos ou inexactos. Últimamente, as tribos tomaron o asunto por conta propia e crearon os seus propios datos. Isto mesmo tamén está a ocorrer noutras partes do mundo.
 - Recreación, deportes e lecer: hai moitos tipos de información cartográfica relevante para diferenciar actividades ao ar libre, incluíndo o sendeirismo, os deportes de inverno, o wikiproxecto de Augas bravas e o cartografado IOF (que trata de mapas para orientación deportiva).
 - Seguranza alimentaria: os voluntarios están a cartografar e etiquetar fontes de alimentos saudábeis, seguros e nutritivos, incluíndo a produción de hortas urbanas. Consulta a páxina Seguranza alimentaria para ter unha idea.
 - Socios de desenvolvemento: Socios de desenvolvemento do OpenStreetMap permite ás organizacións de cooperación, desenvolvemento e axuda humanitaria identificar persoas que traballan no OpenStreetMap para unha maior visibilidade e coordinación.
 - Tradución: hai varios aspectos da Tradución no OpenStreetMap, incluíndo os nomes de lugares no mapa en si. Isto é coordinado sobre todo baixo a Listaxe de proxectos en territorios pero tamén temos o wikiproxecto Esperanto, wikiproxecto Tradución en español, wikiproxecto catalán e wikiproxecto galego.
 - Transporte e información marítima: o proxecto OpenSeaMap recompila e engade a información precisa para a navegación no mar, incluíndo localizacións de faros e información detallada sobre portos e peiraos. Representa esta información con datos batimétricos, cartas meteorolóxicas e outros datos dinámicos para todos os afeccionados dos deportes acuáticos, así como mariñeiros, mergulladores e piragüistas.
 
Proxectos técnicos
- Wikiproxecto de Limpeza (xestión e mellora desta wiki)
 - Wikiproxecto de Pictogramas (creación e mellora de iconas empregadas en mapas, en particular, iconas para elementos puntuais)
 - Wikiproxecto de Semántica (mellora de termos, clasificacións e ontoloxías empregadas no OpenStreetMap)
 - Enrutamento (etiquetaxe para facer máis doado o enrutamento de moitos medios de transporte)
 - Cartografado de interior (cartografado de interiores de edificios e estruturas)
 - Wikiproxecto galego (tradución da wiki, documentación, aplicacións, etc. do OSM ao galego, tamén novos proxectos de cartografado na Galiza)
 
Ollar tamén
- Canles de contacto - ponte en contacto con persoas de varios países.
 - Capítulos locais - ramificacións e pólas da Fundación do OpenStreetMap en diferentes territorios.
 - Investigación - pescuda no proxecto do OpenStreetMap e emprega o OpenStreetMap no eido educativo.